O pasado martes, 23 de novembro, presentouse no Hotel Oca Porta do Camiño (Santiago de Compostela), o balance deste último ano do proxecto de turismo que busca atraer ao segmento familiar a Galicia. A rolda de prensa contou coa presenza de Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia; Merchi Rodal, do Hostal/Apartamentos Rodeiramar 2A; e Emilio Cuíñas, da empresa Autoxiro, responsable da execución do proxecto Galicia Destino Familiar durante o ano 2021.
Entre as accións que se realizaron neste 2021 están a da constante actualización da web, renovando e informando as ofertas dispoñibles, ademais da publicación activa en redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) de contidos vinculados ao turismo familiar e ofertas e outra información das empresas adheridas ao programa cunha frecuencia case diaria. Tamén se editou un díptico, dispoñible nas oficinas de turismo, promovéronse diferentes campañas de publicidade e fíxose un novo vídeo promocional.